booking· xestión de programacións· proxectos singulares· produción

A comunidade que traballa co arquivo sonoro galego demanda a creación dun código deontolóxico. Conclusións O que non se escribe 2022.

A necesidade de definir un protocolo non só legal senón tamén ético para o tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles centrou un rico debate durante o festival, onde tamén se apuntou a idea de crear unha asociación de compiladoras e compiladores para traballar a prol dun arquivo común que ademáis de catalogar e conservar poida xerar tamén un repertorio que siga enriquecendo a creación e transmisión da música de raíz. Estas son algunhas das conclusións extraídas ao peche da segunda edición do festival O QUE NON SE ESCRIBE, que durante catro días xirou arredor de cuestións e propostas clave para entender que o noso patrimonio sonoro está máis vivo que nunca e está sendo capaz de xerar un novo mapa de producións musicais que nos posicionan en todo o mundo como un país cunha rica identidade musical e un inmenso potencial de creación.

Santiago, 14 de maio de 2022_ Marián Fernández.

Esta semana Compostela acolleu un festival único e necesario que conseguiu poñer o foco en diversas cuestións relevantes arredor do noso patrimonio sonoro, xusto nun momento no que estamos asistindo a unha exaltación dese patrimonio, que mestura con outras sonoridades e se difunde de xeito masivo en novas producións que nos colocan no panorama musical internacional a través de éxitos moi mediáticos como o das Tanxugueiras ou Baiuca; pero tamén outras moitas producións de músicos e músicas galegas moi novas que están creando un novo mapa de sonoridades contemporáneas creadas a partir da tradición. Nese proceso creativo, e no lucro que poden chegar a xerar eses arquivos revisitados, é onde xurde a necesidade de repensar como traballar coas fontes vinculadas aos arquivos: as persoas informantes, as que fan a recollida, as que estudian ou reinterpretan esas recollidas…

Autoría, privacidade e protección de datos nas gravacións dos arquivos de música tradicional

Na palestra do venres dedicada á Autoría, privacidade e protección de datos nas gravacións dos arquivos de música tradicional, a avogada e manager Patricia Hermida, explicou que “no caso do patrimonio oral a Lei de Propiedade Intelectual protexe sobre todo os dereitos das persoas autoras ou creadoras e tamén ás persoas que posibilitan a producción fonográfica ou as recollidas con medios técnicos e económicos, pero non tanto ás persoas intérpretes e aos arranxos que realizan sobre as pezas”. Neste sentido, a lei tópase coa “dificultade de identificar ás persoas autoras porque estamos falando de saberes comunais, transmitidos de xeración e xeración, construídos colectivamente”, indicou a avogada, quen engadiu que “por exemplo a SGAE permite que unha obra derivada dun arquivo orixinal cobre os mesmos dereitos que se fose de autoría orixinal, e por desgraza non existe aínda un corpo lexislativo sólido para tratar estes temas, non hai xuristas nin xuízas e xuíces formados para dirimir estas cuestións; e o que ás veces é legal pode non ser para nada ético”.

a Lei de Propiedade Intelectual non protexe tanto as persoas intérpretes e aos arranxos que realizan sobre as pezas”

Patricia Hermida – avogada e mánager

Ante os diversos conflictos que xurden entre legalidade e ética, entre o mundo da tradición oral e o mundo das transaccións comerciais, a antropóloga e musicóloga Beatriz Busto, apuntou a necesidade de “definir un código deontolóxico para o tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles”. Busto recalcou a importancia de “citar ben as fontes e ter presente a cadea de recoñecementos” e posicionouse a favor da co-creación no momento das recollidas porque considera que “é necesario apoderar a esas persoas, que non sexan só informantes, senón contar con elas para que participen na construcción do relato que se fai cando se recolle ese arquivo”. A antropóloga mostrouse reacia a dispoñibilizar en internet “arquivos de persoas que non deron o seu permiso explícito de xeito descontrolado, mal citando, mal referenciado e mal usando as persoas e os seus saberes –colaboradorxs, compiladorxs, investigadorxs– implicando un exercicio de carácter colonial que fomenta a mirada estereotipada sobre as tradicións dos pobos”.

Un novo mapa (música tradicional e creación)

A visión colonialista tamén foi tratada no encontro do venres Un novo mapa (música tradicional e creación), no que participaron catro proxectos innovadores con base nos arquivos tradicionais, onde Andrés Rodrigues defendeu a pertinencia de revisar o modo en que nos achegamos aos arquivos para evitar na medida do posible un aproveitamento extractivista e colonial. Sobre o gran momento que viven as músicas de raíz reinterpretadas e fusionadas con outras músicas en proxectos de creación contemporánea, Rodrigues asegurou que “houbo un dobre cambio tanto por parte do público mainstream que se volveu máis receptivo, como por parte da música tradicional que comezou a xerar unha cadea de avance cara novas sonoridades e reinterpretacións dun discurso musical e estético que era decimonónico”. Sobre este fenómeno, Andrea Montero, de Lilaina, que ven de colaborar en traballos de Baiuca ou Vetusta Morla, asegurou que “cada vez me sorprende menos como a música tradicional se pode colar en calquera estilo”. Sobre esa esencia auténtica da música tradicional, Montero quixo lembrar que “é a música máis pura porque non está pensada para os aplausos, é música que a nosa xente facía para durmir ás crianzas, para acompañar un traballo no campo… e ninguna outra música pode achegar iso”. Alberto Cernadas, do proxecto CRNDS, apoiou esta afirmación, asegurando que “a música tradicional non necesita de nada para funcionar”, mentres Antía Ameixeiras rematou a cuestión aseverando que “as Tanxugueiras non reviviron a música tradicional, xa estaba moi viva e somos moitas e moitos os ionquis do tradi que cada semana acudimos a moitas foliadas en todo o país”.

E… un arquivo común?

A fonte de onde beben todos estes novos proxectos son os arquivos orixinais recollidos por moitas compiladoras e compiladores ao longo dos anos. Ás veces, eses arquivos permanecen gardados e inaccesíbeis en coleccións privadas e outras veces achéganse con xenerosidade a arquivos públicos como o do APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego) ou o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, onde son catalogados e conservados para despois ser consultados, analizados e empregados para aprender ou inspirar novos proxectos. A posibilidade de reunir todos estes arquivos nun único lugar e permitir a súa consulta autorizada foi o tema da segunda palestra do venres que arredor da pregunta E… un arquivo común? A compiladora Leni Pérez considera que “chegou o momento de poñer todos os arquivos privados a disposición dunha entidade pública que os custodie e permita a súa consulta” e mostrouse xenerosa á hora de ceder o seu propio arquivo porque asegura “non é meu, é noso, é de todas e todos, é patrimonio”. Leni Pérez avoga por “convencer á xente que ten arquivos privados de que os ceda” e por “traballar conxuntamente con outras profesionais para catalogar e transcribir todos eses arquivos”.

“chegou o momento de poñer todos os arquivos privados a disposición dunha entidade pública que os custodie e permita a súa consulta”

Leni Pérez – compiladora

Neste sentido, Concha Losada, responsable do APOI ofreceu a súa axuda a quen queira poñer os seus arquivos baixo a custodia do servizo que ela coordina e onde tratan non só de preservar ese patrimonio, senón de enriquecelo e facelo aínda máis valioso engadindo toda a información dispoñible para a súa catalogación, unha información que non é só musical, senón tamén etnográfica, antropolóxica, sociolóxica… Todo isto, preservando sempre os méritos da cadea de recoñecementos das persoas que interveñen e que ceden, que non perden a propiedade, senón todo o contrario, dan nome a unha colección que recoñece o seu traballo para a posteridade, e reciben unha copia do arquivo dixitalizado. A este respecto, Concha quixo advertir a quen poida ter gravacións en cintas vellas que non as reproduza e que as poña en mans de persoas expertas porque pode perderse o seu contido. Pola súa parte, Íñigo Sánchez, antropólogo e investigador do Incipit – CSIC, quixo reflexionar sobre o que consideramos ‘común’ e tamén sobre que imos facer con ese arquivo. Na súa opinión, ademáis de reunilo e conservalo, “hai que ver como se xestiona para transformalo nun repertorio real”. Nese sentido, valorou o propio debate como un “punto de encontro moi valioso onde propiciar intercambios e abrir camiños”. A conversa enriqueceuse con numerosas achegas do público, que apuntou a necesidade de crear unha asociación de compiladoras e compiladores para xestionar os arquivos que aínda permanecen gardados nas casas; e tamén a posibilidade de incorporar o arquivo galego a plataformas internacionais como Europeana onde persoas de todo o mundo poderían coñecer e estudar o noso patrimonio oral.

gostaches desta nova?
5/5

partillar

Deixa unha resposta

vindeiras datas

non se atoparon

visita a súa páxina

non se atopa