Jazz de Ría é un festival de jazz pensado para a privilexiada Costa Ártabra. O entorno natural, a paisaxe e a tradición marítima e musical da comarca, inspiran este festival único que se desenvolve cada mes de agosto en espazos singulares de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño. A programación, cunha forte aposta polo jazz galego contemporáneo, deséñase para as localizacións, polo que a integración no territorio é total. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía do Jazz de Ría. Todas as actividades son abertas, gratuítas e accesíbeis.