Calequi y las Panteras naceu no ano 2020 en Peor para el Sol, unha pequena sala de concertos en Madrid que, en moi pouco tempo, se converteu nun dos espazos máis interesantes da escena musical española. Alí, Javier Calequi —director musical de Jorge Drexler—, Lauri Revuelta e Luisa Corral déronlle forma a este proxecto e gravaron o seu primeiro LP, ‘Gualicho’ (2021). Pouco despois, co seu disco ‘Mezcla Rica’ (2023), no que renden homenaxe a doce cidades de América, posicionáronse como unha das bandas revelación, sendo nominados aos Premios da Academia da Música.
Tras unha extensa xira por festivais e salas de España e Latinoamérica, publican en 2025 ‘De vida, baile y resaca’, o primeiro adianto do seu próximo LP, gravado parcialmente nos Vibrar Studio da República Dominicana, lugar de referencia para artistas como Juan Luis Guerra. A base de merengue electrónico e os arranxos de vento, marcan un novo rumbo sonoro para o grupo.
A principios de marzo lanzarán o seu novo disco, TRES, un punto de inflexión na súa traxectoria. Este traballo, o máis ambicioso da banda ata o momento, soa a presente: letras afiadas, ritmos contaxiosos e unha mestura vibrante de influencias que van do funk ao afropop, pasando polos ritmos caribeños e a balada contemporánea.
Os directos de Calequi y las Panteras son unha celebración adictiva onde conviven a música, o baile e a emoción, unha proposta artística que transforma cada escenario nun cruce de camiños e culturas.
