booking· xestión de programacións· proxectos singulares· produción

Cantometrics

Desde unha ollada contemporánea e experimental aos arquivos da música de tradición oral, Cantometrics revisitan agora o traballo fotográfico de Ruth Matilda Anderson. Con grande liberdade creativa, este proxecto audiovisual trasládanos á Galiza de principios do s. XX a través do legado único desta fotógrafa estadounidense. Neste concerto, as videocreacións e os diarios de Ruth Matilda dialogan coas composicións de Cantometrics, regalándonos unha das propostas máis singulares da música tradicional galega

@pacrispa_Cantometrics-34

CANTOMETRICS é un proxecto formado por cinco músicas galegas cunha ampla traxectoria en diferentes estilos, desde a música clásica e académica ata a tradicional, o folk ou a electrónica. Marina Vigo (gaita), Luís Bolón (zanfona e percusións), Sandra Pérez (láminas e percusións), Nébeda Piñeiro (voz e pandeireta) e Fran Trashorras (acordeón) compaxinan a súa actividade artística en grupos como Sondeseu, Néboa ou Budiño coa docencia musical en varias escolas e conservatorios. No 2023 editouse “Cantometrics”, o seu primeiro traballo discográfico. O título, homónimo da banda, homenaxea o método de análise que o musicólogo estadounidense Alan Lomax desenvolveu para estudar as músicas de raíz, no que relacionaba elementos musicais do canto coas características da sociedade que cantaba: noutras palabras, cantamos como somos.

O seu novo espectáculo, “Efémeras” (2025), aposta pola interdisciplinariedade nas artes, conxugando fotografía con videocreación, palabra e música, conseguindo un traballo final fermoso e moi especial que afonda de xeito exhaustivo nun dos arquivos máis completos que temos para entender a realidade galega de comezos do século pasado.

EFÉMERAS

O interese da sociedade galega pola ollada “etic”, a de aquelas persoas estranxeiras que viñeron ao noso país a investigar, medra cada vez máis. Unha ollada foránea, libre dos prexuízos que a intelectualidade galega decimonónica arrastraba en moitas ocasións, é o que atopamos nos traballos de musicólogas como Dorothé Schubarth, Alan Lomax ou Gustav Henningsen, xornalistas como Christina Lilliestierna ou fotógrafas como Ruth Matilda Anderson. A fresca mirada do
“outro”.

Partindo do traballo que a estadounidense RUTH MATILDA ANDERSON desenvolveu na Galiza nos anos vinte do pasado século, Cantometrics propón un espectáculo audiovisual inspirado totalmente na súa obra fotográfica. EFÉMERAS segue o camiño marcado polo grupo no seu primeiro traballo, baseado no arquivo sonoro do etnomusicólogo Alan Lomax, no que as melodías recollidas por este investigador serviron como fonte para a creación musical. Neste novo proxecto, a fonte é un arquivo visual, o que lles permite unha amplísima liberdade creativa.

A MÚSICA, AS VISUAIS E OS DIARIOS:
A partir das fotografías, a artista Coral Piñeiro creou pequenas pezas de vídeo que se reproducen á vez que se interpreta en directo a música composta especificamente para este concerto. Tanto as pezas visuais como as musicais inspíranse no concepto estético da fotógrafa, reflectido nos seus focos principais: os retratos, os oficios, o traxe tradicional e a paisaxe. Todo o espectáculo apóiase na lectura dos textos dos diarios de viaxe que Anderson publicou co título “Gallegan Provinces: Pontevedra. La Coruña”, que á súa vez determinan o estilo debuxado das pezas de vídeo, a modo de pequenos diarios de campo.

“Efémeras” desenvolveuse nas Residencias Artísticas Mariñán, impulsadas pola Deputación da Coruña.

JOROPO - CANTOMETRICS
CHIFRO - CANTOMETRICS Video oficial - inspired by Alan Lomax
SEVILLANAS - CANTOMETRICS