DJMIL leva toda unha vida entre pratos, agullas e vinilos, toda unha vida de adicación, moito corazón e moita dignificación do oficio. As súas actuacións están cheas de enerxía contaxiosa, músicas e universos sonoros únicos con toda a arte dos que saben e aprenderon nas rúas da vella escola.
Os seus pratos acompañaron propostas tan variadas coma as de Sumrrá, Comando Katana, Wöyza, García Mc & Nación Quilombo, Rugged Man ou Mucho Muchacho. Como produtor, creou música para artistas coma Tanxugueiras, Dios Ke Te Crew, MoYah ou Zalama Crew. E é habitual velo picando discos e remexendo beats en festivais e salas do país, por todo o estado e noutros países como Inglaterra, Suíza ou Portugal.
Nestes 2025, xira cos seus dous proxectos máis especiais:
BANDADOBEAT, onde conxuga a enerxía dunha sesión de deejay coa organicidade aportada polos músicos que o acompañan en directo, cun achegamento ás músicas do mundo e á música popular galega. Scratches e acordes, vinilos e instrumentos. Na súa curta vida, este show xa pasou por lugares de referencia coma a Praza do Obradoiro (Compostela) ou o Museumsurferfest (Frankfurt).
PHONORAMA, unha viaxe a través da música, unha experiencia audiovisual coa que voamos por distintas etapas da nosa historia mais contemporánea. Esta travesía ilústrase con imaxes que reforzan o marco temporal das diferentes épocas que visitamos: o funk e soul dos 60, a explosión da música disco nos 70 ou o reggae chegando a Europa nesa mesma década, os sintetizadores e o rock&roll nos 80, o nacemento do grunge e a globalización do hip hop nos 90… PHONORAMA é baile, festa e arte audiovisual. Unha viaxe imperdible para amantes da música.
