booking· xestión de programacións· proxectos singulares· produción

Cemento Musgo é o novo proxecto musical do versátil artista Sokram, o produtor parisino Coio e o pioneiro artista do gif art A.L.Crego. Xuntos levan a cabo un profundo exercicio de experimentación a catro niveis: música, letra, voz e imaxen O Visu-Álbum Cemento Musgo é o seu primeiro traballo; 11 cancións e 11 videocreacións que conforman unha auténtica peza de arte audiovisual e conceptual.

CEMENTOMUSGO PROMO 24-8

Cemento Musgo é un novo organismo audiovisual. Nace da unión do versátil artista Sokram (MC de Dios ke te Crew, ilustrador, muralista, curator…), o produtor parisino Coio e do artista visual A.L. Crego, pioneiro do gif art e con gran recoñecemento internacional.
Cemento Musgo é un profundo exercicio de experimentación a catro niveis. Sokram, pola súa banda, pon a voz e a letra desta nova criatura; Coio está a cargo do aspecto musical e A. L Crego é quen desenvolve a parte gráfica.

Estas catro artes -música, letra, voz e imaxen-, converxen baixo un mesmo prisma e dan lugar o seu primeiro traballo, o Visu-Álbum Cemento Musgo, unha peza de arte audiovisual e conceptual de comezo a fin.

Este Visu-Álbum homónimo está formado por 11 cancións e 11 videocreacións. No último mes xa gozamos das pezas que conformaron os adiantos “Racha o lapiz”, “Cemento Musgo” e “Green go home”, e agora chega o todo. Un novo micro-universo no que sumerxirnos e coñecer o ecosistema poético do que se alimenta esta criatura: o Cemento Musgo.

Cemento Musgo crece en lugares húmidos e escuros, a medio camiño entre o urbano e o rural, a miúdo ao redor de ruinas postindustriais reconquistadas pola vexetación, ou tamén ao longo de canais subterráneos atravesados por correntes de auga turbia e fría, como as do ordense río Cabrón. Aliméntase de sons orgánicos e profundos subgraves 808, secuenciados a través de complexos patróns rítmicos. Fala un idioma antigo emitindo mensaxes universais a longas distancias en forma de métricas densas e poéticas disertacións que aluden a temáticas diversas como o ecoloxismo, as relacións humanas, o amor e o odio, a industria musical, a alienación tecnolóxica e o colapso medioambiental.

Todo isto pode percibirse na súa música; composicións con multitude de matices líricos e musicais, sempre en tonalidades verdes e grises. Así, no tema “Racha o lapiz”, atopamos o verde escuro case negro do dark trap. En “Colapso” damos co minimalismo experimental, e descubrimos o verde flúor da man de “Green Go home”. En “A Masa Nai” atopamos o matiz sepia do hip hop-trap, e en “Terra húmida” deixámonos levar polo Lo-fi. O percorrido por este abanico de cor remata co gris antracita verdoso do metal-trap-hiphop de “Mascarada”.

Pero este Visu-Álbum Cemento Musgo ten moito máis. Foi gravado, mesturado e masterizado por Mou (produtor e MC de Dios ke te Crew) en Rapapoulo Estudio, a factoría de hits da emblemática banda do hip hop galego e baixo o selo discográfico da mesma: DKTC Sons.

Cemento Musgo atrapa na súa rede; non poderás saír, pero non será iso un problema; só quererás quedar.

CEMENTO MUSGO | Green Go Home
CEMENTO MUSGO I Cemento Musgo
Cemento Musgo (Teaser)

VINDEIRAS DATAS

por anunciar