David Regueiro, cunha ducia de discos editados, é un dos guitarristas de gypsy jazz máis prominentes do Estado.
En 2023 presenta "Perfect Match", o seu novo disco gravado xunto ao violinista belga Alexandre Cavaliere, un dos grandes referentes europeos do jazz manouche actual. Completan o cuarteto o portugués Gonçalo Mendonça e o galego Juyma Estévez.
En paralelo sigue presentando co seu trío “Areal" (2020), un álbum conformado por nove composicións propias ubicado no jazz manouche, a corrente estética creada por Django Reinhardt, sen deixar de lado outras das súas influencias: o swing americano e o be-bop. O trío aporta unha visión rigorosa e respectuosa coa tradición ao tempo que fresca e innovadora.
Tamén, en 2021 lanzou o traballo "O CAMIÑO", un disco integramente de composicións orixinais para o que se acompaña de Pablo Castaño (saxo), Alfonso Calvo (contrabaixo) e Sergio González (batería). Neste novo traballo explora outras correntes do jazz inspiradas na música galega, levando un paso máis aló a carreira deste xenial guitarrista. Todas as músicas deste traballo foron interpretadas coa guitarra “Maruxa”, unha peza deseñada e construída especialmente para este proxecto polo luthier Carlos Sabrafén.
David Regueiro realizou estudos de Guitarra, Educación Musical, Historia e Ciencias da Música en diferentes conservatorios (Ourense, Salamanca e A Coruña) e universidades (Complutense de Madrid, Salamanca e Royal Holloway de Londres). Tamén recibiu clases dalgúns dos músicos con máis traxectoria a nivel internacional: Samson Schmitt, Brady Winterstein, Mozes Rosenberg, Adrien Moignard, Joaquín Chacón, Abe Rábade, Paco Charlin, Albert Sanz, Peter Bernstein, Logan Richardson, Steve Brown, Philip Catherine, etc.
Ten tocado en Portugal, Alemaña, Reino Unido, Francia ou Holanda, ademais de nas salas e festivais máis importantes do Estado.