Tras unha intensísima xira, despois do lanzamento de “Tremendos anos 20”, coidada obra multidisciplinar en formato disco-fanzine, na que participaron máis de 40 recoñecidos artistas gráficos e musicais, pechan 2024 presentando novo material.
A banda máis emblemática do hip hop galego, dúas décadas colleitando temazos e rebentando escenarios de todo o país, demostran así que agora mesmo están no seu mellor momento. Palabras maiores. Os directos son, sen ningunha dúbida, o punto forte da banda de Ordes.
Na nova xira 2025, Dios Ke Te Crew realizan unha espectacular posta en escena audiovisual, na que as imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, arroupan e interactúan co contido das cancións da banda, aumentando de maneira exponencial as xa de por si enérxicas actuacións que os caracterizan. Un espectáculo moi potente no que a crew galega presenta novas creacións, sen esquecerse de repasar os éxitos máis destacados da súa prolífica traxectoria, con éxitos como OG ou Hater, que xa son himnos. E así o demostran tamén os fans en cada concerto.