FAIA presenta un novo espectáculo, que é en realidade unha evolución, un paso máis no seu proceso de creación desde o primeiro disco. Os ritmos e melodías tradicionais buscan outros camiños a través da voz, movéndose entre o íntimo, o que se di e o que se silencia. É un traballo en construción, do que tirar do fío nun proceso continuo. Neste caso, a escena servirá de casa, de refuxio onde reflexionar sobre o poder da transmisión no ámbito do doméstico, na herdanza. Aberta cara o experimental, a música atopa eco noutras disciplinas e dialoga nunha dimensión máis plástica. Como unha constante no seu traballo, a muller volve ser a protagonista, portadora dunha identidade rica, xenuína e diversa.
Faia Díaz Novo (Santiago de Compostela, 1988) é cantante e licenciada en Historia da Arte pola USC. É fundadora e integrante do grupo musical De Vacas desde 2015, do Coro Encaixe desde o 2016 e da compañía A Patacón desde 2017. Desde 2020 forma tamén parte, xunto a Nacho Muñoz e LAR Legido, dunha formación na que revisan o repertorio do Zeca Afonso desde unha óptica contemporánea e experimental.
No 2019 viu a luz o seu primeiro traballo discográfico en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo na que presenta unha selección de arquivos tradicionais transmitidos por mulleres e reinterpretados por ela soa en diferentes espazos sonoros, baixo a produción e o deseño de son do Hevi (Fluzo, Malandrómeda). Ao cabo leirín foi seleccionado como terceiro mellor álbum estatal de raíz do 2019 pola revista Mondosonoro e finalista a mellor proxecto de música tradicional nos Premios Martín Códax da Música 2020. Para o directo acompañouse do músico Benxamín Otero.