Con 26 anos de traxectoria e 12 LP’s no mercado, Ruxe Ruxe están no seu mellor momento. Despois de celebrar o seu 25 aniversario, comezan na primavera a súa xira de 2022 presentando as cancións que conformarán o novo disco, que promete ser o máis singular da súa carreira.
A banda é sen dúbida un referente do rock galego, movéndose á marxe dos grandes poderes da cultura, das modas e do politicamente correcto. "Co espírito de loita por bandeira, do rock do país, do rock libre e de combate, do realismo máxico e do corpo a corpo sincero, directo e emocional", a esencia do ADN dos Ruxe Ruxe queda patente en cada disco editado e en cada concerto que deron dende os seus inicios no ano 96. “Ser de aquí e dun tempo” que diría Celso Emilio Ferreiro, “rapaces da aldea máis non uns ninguéns” que diría Xosé Neira Vilas.
O grupo naceu en Aríns en 1996 con catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) son aínda o núcleo veterano da banda. En 1999 sacaron o seu primeiro disco, de título homónimo. O último, "O estraño falar dun monstro da aldea", foi gravado nos Estudios Gárate de Andoáin con Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu). Ademais de todos os discos, teñen varios EP’s, unha banda sonora, unha curtametraxe, un documental sobre o grupo e incontábeis colaboracións.
O seu 25 aniversario celebrouse cunha exposición que recolleu o universo gráfico do grupo, protagonizada por algúns dos deseñadores máis influentes da nosa historia recente. Ao mesmo tempo 32 bandas galegas rendéronlles homenaxe coa gravación do disco tributo “25 anos ruxindo”.