The Sey Sisters é un espectacular trío de voces que, a través do soul, o gospel e un estilo pop impregnado de sonoridades africanas, únense co obxectivo de loitar contra as inxustizas, defender os dereitos humanos e transmitir esperanza no futuro.
Estas tres irmás catalás de ascendencia ghanesa reivindican o seu lugar e a súa identidade como mulleres afrodescendentes a través das súas voces e os ritmos máis vibrantes da música negra.
En directo son emoción e enerxía en estado puro e, acompañadas polo pianista Albert Bartolomé, completan un apaixonante círculo que conmove a alma e remove conciencias.
Desde os seus inicios como grupo en 2006, actuaron en moitos e moi diferentes festivais e programacións e colaboraron con múltiples artistas, tanto nacionais como internacionais. No 2015 publicaron o seu primeiro traballo discográfico, "Let Freedom Ring", e no 2018 "Rise", o disco co que consolidaron o seu lugar dentro da escena soul estatal.
Con “We got your back”, o seu terceiro álbum, lanzado en Maio de 2021, The Sey Sisters van un paso máis aló na procura de novas sonoridades que reafirman a súa mensaxe antirracista e feminista, sempre presente nos seus espectáculos e na súa vida, levando na memoria o legado das xeracións que as preceden.
"Abrimos un espazo para o coidado, para o empoderamento, para reforzar o sentimento de comunidade e para honrar aos nosos antepasados e ás persoas que morreron e continúan morrendo na viaxe" (The Sey Sisters).
THE SEY SISTERS son:
Edna Sey – voz
Kathy Sey – voz e percusión
Yolanda Sey – voz
Albert Bartolomé – piano, teclado e saxo