Esta mañá presentamos a terceira edición do MUMI, o encontro profesional de música de Galiza e Portugal que se celebrará de novo na Eurocidade Tui-Valença os días 29 e 30 de setembro e 1 de outubro. Este encontro está organizado por Músicas no Minho, asociación de axencias galegas e portuguesas da que formamos parte.
O MUMI é un encontro que convoca a profesionais do sector musical e cultural dos dous países co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas. A feira reúne artistas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción e medios de comunicación especializados para compartir ideas, crear sinerxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa.
A partir deste xoves día 24, profesionais e artistas poderán inscribirse para participar na feira a través dos formularios da web https://mumimusicas.eu/