encaixe.png
Coro Encaixe 01.jpg

Encaixe é outro concepto de coro, unha proposta musical diferente, novidosa e divertida. O grupo está formado por 18 cantantes profesionais procedentes de ámbitos tan distintos como as formacións De Vacas ou o Coro da Ra, grupos de teatro como Talía ou A feroz, a música tradicional ou até a televisión. Toda esta variedade estilística fai que o repertorio do coro chegue a lugares insólitos, sorprendendo con cancións recoñecíbeis por todo tipo de público.

Na actualidade Encaixe aposta forte pola música galega contemporánea, facendo versións vocais de grupos como Marful, Berrogüetto, Narf, Dhais ou Malandrómeda, e pola música lusófona, con versións do Zeca Afonso ou Djavan, entre outros. Aínda que tamén no espectáculo podemos escoitar algúns temas coñecidísimos de todos os estilos e todas as épocas (Led Zeppelin, George Michael, Eurythmics, etc.).
 
Nos seus inicios foron gañadores do concurso da TVG "Oh Happy Day", no que reforzaron máis ainda as bases do que hoxe é o coro para eles. Segundo as súas propias palabras: un lugar onde todos encaixamos, onde disfrutamos da música e onde poder ir libremente descalzos.

Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor proxecto de música vocal.
 
Coro Encaixe son: Manuel Abraldes, Paula Romero, Faia Díaz, María Viña, Sandra Romero, Lorena Gontad, Inés Salvado, María Pardo, Malena Pazos, Rocío Jiménez, Diego Miramontes, Xoán Padín, Sergio Piñeiro, Bieito Miranda, Carlos García, Rubén Prieto, Michel Rivadulla e Carlos Abraira.