Jazz de Ría é un festival de jazz deseñado exclusivamente para a privilexiada Ría de Ferrol. Desenvólvese no Concello de Ferrol, aínda que a esta programación súmanse de xeito esporádico outras máis pequenas noutros concellos marítimos da comarca, baixo a mesma marca, conseguindo unha importante colaboración e un necesario diálogo entre estes concellos unidos pola ría.
A tradición marítima e industrial de Ferrol, as características naturais desta ría única e o espectacular patrimonio militar que a rodea, foron fonte de inspiración para crear este festival, que pretende poñer en valor a través de algo tan prestixioso e universal como o jazz, uns espazos que, ate agora, no foran aproveitados para o uso cultural.
A proposta artística pretende ter como protagonistas aos mellores músicos galegos, dando ao mesmo tempo ao público a oportunidade de descubrir bandas novas doutros territorios. Por isto buscamos fomentar os encontros de músicos galegos con músicos doutros lugares onde a ensinanza e a cultura jazz están especialmente valoradas, como son por exemplo Estados Unidos, Cataluña ou Portugal. Sirve así tamén o festival Jazz de Ría como ponte para exportar o noso jazz e importar novas ideas das que aprender.
A programación está deseñada tamén para os espazos, lugares singulares con características especiais onde non todas as propostas serían axeitadas, polo que a integración da programación na localización é fundamental. Igualmente, a participación de todos os tipos de público son unha parte importante do prantexamento do festival. Todas as actividades son abertas, gratuítas e accesíbeis.
En só tres edicións (2017, 2018 e 2019), o festival medrou considerablemente, tanto en número de asistentes como en repercusión mediática. O especial da proposta posicionounos, tan só coas dúas primeiras edicións, dentro do circuito dos festivais de jazz de Galiza. Grazas a isto e á cuidada programación musical, fomos en 2019 Nomeados aos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA a Mellor Festival de Galiza.
pasadas edicións
2017
2019
2018
2020