O Jazz de Ría viaxa nesta 5ª edición á descuberta de novos espazos da nosa ría e chega a Narón e Neda, volvendo ás orixes do festival: a colaboración entre concellos e a posta en valor do territorio. En poucos días presentaremos a programación, que volverá apostar pola calidade, a diversidade e o apoio incondicional ás propostas artísticas galegas. O venres 13 e o sábado 14 de agosto a ría volverá vibrar co mellor jazzgalego.
Eis o programa desta edición
A Orquestra Galega de Liberación ofrecerá o concerto de apertura do festival, unha aposta clra por convertir o JazzdeRía nun lugar de encontro para os músicos de jazz galegos. Será o venres 13 ás 21:30.
A OGL está formada por un ensemble de 17 músicos residentes en Galiza reunidos en torno á música de vangarda, á procura de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación. O elenco está constituído por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz e da performance, 17 músicos cun percorrido vital e unha traxectoria internacional de tanto peso por separado, que en poucas ocasións poderemos velos xuntos agromando un proxecto tan contemporáneo e tan ancorado no noso hábitat musical de vangarda como este.
A improvisación dirixida, neste caso polo músico Xacobe Martínez Antelo, convirte cada concerto nun espectáculo único, unha experiencia novidosa e sorprendente para o público e de continua aprendizaxe para os músicos que comparten o proxecto.
Xabier Mera, David Vázquez “Tato”, Quim Farinha e Alfonso Calvo xuntáronse alá polo 2008 para formar ALÓ DJANGO, proxecto que busca a inspiración no jazz e na música dos xitanos manouche centroeuropeos: o chamado gypsyswing, un estilo lírico, alegre e acústico cuxo máximo representante é o mítico guitarrista Django Reinhardt.
ALÓ DJANGO estarán na Ribeira de San Nicolás, en Neda, o sábado 14. Volve o swing á sesión vermú do Jazz de Ría!
A pianista Lucía Rey trae unha proposta única e transparente que está golpeando con forza o panorama jazzístico estatal. Vimos o seu showcase na pasada edición do JAZZ I AM e quedamos fascinadas.
Lucía Rey formouse no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, especializándose en música moderna e jazz e tamén en danza contemporánea. Continuou os seus estudos de piano latino en La Habana, Cuba, e máis tarde no Brooklyn Conservatory of Music e en The Collective School of Music, New York City. Grazas a isto compartiu escenario con numerosos artistas da escena neoiorquina. Xa en España tocou en proxectos moi diversos, achegándose tamén ao flamenco e compaxinando a súa carreira de intérprete coa de docente, sendo profesora de música no Conservatorio Superior de Danza de Málaga.
Lucía Rey Trío estarán o sábado 14 de agosto á noitiña no Parque Freixeiro de Narón.
O contrabaixista ferrolán Baldo Martínez, con 40 anos de traxectoria profesional, é un dos músicos máis representativos do jazz contemporáneo estatal. Fundador de Clunia e doutros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país, atesoura ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, nunha extensa e riquísima carreira.
No JazzdeRía2021 presentará un novo cuarteto, formado integramente por músicos galegos, no que aglutina grande parte do contido dos seus últimos proxectos. Todo un agasallo para o noso festival. Será o sábado 14 no paque Freixeiro de Narón ás 23.
Os espazos.
A Ribeira de San Nicolás, no Concello de Neda, será un dos escenarios para este #JazzdeRía2021, un espazo singular ao pe da Ría, na desembocadura do río Belelle. O paso do Camiño Inglés e as peregrinaxes dos luns á igrexa gótica de San Nicolás, enchen este lugar de historias e tradicións.
O Parque Freixeiro é unha das zonas verdes con máis posibilidades do Concello de Narón. O río que lle dá nome sufriu durante anos verteduras de residuos urbanos e outras agresións que destruíron o seu entorno natural, pero tras as campañas de saneamento e depuración da #Ría, a rexeneración das marxes e a construción do paseo fluvial, atopamos agora un espazo limpo e amable para as veciñas e veciños de Narón. Agora no río Freixeiro xa hai parruliños e até algunha garza.
Neste parque faremos os concertos do venres 13 e o sábado 14 de Agosto á notiña coa Orquestra Galega de Liberación, Lucía Rey Trío e Baldo Martínez.