Esta intervención guía aos participantes a través dun mapa por diferentes puntos da cidade nos que atopar tesouros sonoros. En cada punto agóchase un código QR para escanear e escoitar cos auriculares un anaco dunha recolla de música tradicional.
Acompañando a cada QR, atoparemos a información do audio: a quen lle foi gravado, onde e cando foi gravado e por quen foi gravado. Tamén por quen foi feita a selección da peza, xa que para escoller eses cortes contamos coa colaboración de destacados profesionais da música tradicional.
Este ano, como novidade, atoparemos non só música tradicional galega, se non que tamén poderemos escoitar 7 arquivos recollidos da tradición oral de 7 lugares polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago, grazas aos que sempre se produciron importantes intercambios culturais: o Camiño Francés, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, a Vía da Prata, o Camiño Primitivo, o Camiño de Inverno e, como un guiño cara a sede xacobea máis antiga fora do territorio continental europeo, o Camiño de Santiago de Gran Canaria.