Luneda Producións | 646 165 044
 info@luneda.gal | luneda.gal

A banda folk Os d'Abaixo está formada, entre outros, por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca. 

O seu primeiro disco foi gravado en directo no Festival Interceltique de Lorient, sen moitas pretensións, como era na realidade a banda, nacida co fin de amenizar os bailes folk da súa cidade. Pero a aceptación foi tal, que comezaron a xirar por festivais e festas tanto de Galicia como de fóra. 

En Maio de 2017 presentaron Quixera ser dos paxaros, o seu segundo disco, primeiro de estudio, composto por temas case todos inéditos provenientes dun gran traballo de investigación, ao que tamén se dedica a banda. Un disco máis intimista onde a compoñente estética ten moito peso, tanto na coidada selección de letras como no deseño gráfico e a fotografía. No disco, cada un dos temas ven acompañado dunha detallada descrición que axuda a comprender o traballo de investigación do repertorio. 

Na xira tocaron nalgúns dos festivais folk máis destacados, como o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, o Brosella Folk & Jazz (Bélxica), a Fira Mediterrània de Manresa, o Wackelsteinfestival (Austria), o Festival Folk Celta Ponte da Barca (Portugal), o Artes à Rua (Portugal), o Festival Xironsa, o FIMPT de Vilanova i la Geltrú ou o Arredas Folk Fest (Portugal), entre moitos outros.

No 2019 incorpórase á banda un novo acordeonista, Santi Cribeiro (Berrogüetto). Agora presentan novo repertorio, adianto do que será o seu vindeiro disco.

Os d'Abaixo son:

Xacobe Varela - voz, gaita e bouzouki

Roberto Rama - saxo e gaita

Quim Farinha - violín

Gom Goás - guitarra e voz

Santi Cribeiro - acordeón

Richi Martín - percusión

  • Facebook Os d'Abaixo
  • YouTube Os d'Abaixo
  • Instagram Os d'Abaixo
  • Spotify Os d'Abaixo