Gaizca Project (Ialma + Iñaki Plaza + Manu Sabaté) na noite grande das Festas do Apóstolo



GAIZCA PROJECT,

o proxecto de creación para o encontro das músicas populares galegas, vascas e catalás liderado polas pandereteiras Ialma, o trikitilari Iñaki Plaza e o graller Manu Sabaté, chega por primeira vez a Galiza e faino pola porta grande: a noite do 24 de Xullo na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, dentro das Festas do Apóstolo.

Gaizca Project é un dos proxectos folk con máis forza do momento. Que as pandereteiras galego-belgas Ialma coincidisen cun dos grandes expoñentes da música folk vasca, Iñaki Plaza, e con Manu Sabaté, referente na innovación e no tratamento contemporáneo do instrumento tradicional catalán por excelencia, a gralla, non foi casualidade. De buscarse, atopáronse na Fira Mediterrània de Manresa, a feira profesional na que, diríamos, cócese todo ou case todo o interesante que pasa anualmente nas músicas populares da Península. Co seu primeiro disco (homónimo), editado polo selo belga especializado Homerecords, estiveron xa nuns cantos festivais folk de diferentes países, como o Rudolstadt Festival (Alemaña), o Festival Tradicionàrius (Barcelona), o Ligat Festival (Francia), o Weltmusik Fest (Bélxica) ou o Demandafolk (Burgos). Neste 2020 foran seleccionados para dúas feiras profesionais de grande impacto nas músicas do mundo: a Seoul Music Week (Corea do Sur) ea EXIB (Portugal), as dúas adiadas a 2021 a causa da Covid19. Ademais, no último mes foron recoñecidos con dous premios: un 'Coups de Coeur - World Music 2020', da 'Charles Cros Academy' (Francia) e o 'Best World Music Album Award 2019', da plataforma profesional 'Indie Acoustic Music Project' (Estados Unidos). Agora chegan por primeira vez a Galiza para poñer a música á noite grande das Festas do Apóstolo. Será este venres día 24 ás 22h na Praza da Quintana de Santiago de Compostela. As entradas poden retirarse de balde en http://reservas.gal/ Gaizca Project son:

Ialma (Galiza/Bélxica): voces e pandeiretas Iñaki Plaza (Euskadi): trikitixa e txalaparta Manu Sabaté (Cataluña): gralla e tenora Kepa Calvo (Euskadi): batería e txalaparta Hugo Franco (Galiza): guitarra Máis información: https://www.luneda.gal/gaizca-project Videos: Live at Eupen: https://www.youtube.com/watch?v=A6R48tODHMw Live at Rudolstadt Festival: https://www.youtube.com/watch?v=3IptykIOez8


#GaizcaProject #FestasDoApostolo #Apostolo2020

60 views
Luneda Producións | 646 165 044
 info@luneda.gal | luneda.gal