Esta mañá presentouse no parque Freixeiro de Narón a programación da 6ª edición do Jazz de Ría. No acto participaron Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Verónica Vigo, concelleira de cultura de Neda; Copi Villaamil, técnica de cultura de Neda; Pablo Moreda, alcalde de Cedeira; Carmela Prieto, concelleira de turismo de Cedeira; Quique Vázquez, técnico de Cultura de Cedeira; e Aitana Cuétara, directora do festival.
Presentamos para este ano unha proposta artística que procura un equilibrio entre o jazz galego e os proxectos máis interesantes do jazz estatal, apostando polo intercambio e a colaboración con artistas e festivais doutros lugares. Ademais, despois de propoñer no 2021 unha programación moi contemporánea, neste 2022 queremos achegarnos máis ás marxes do jazz con propostas que xogan con outros estilos, como o soul, o flamenco ou as músicas populares.
No acto, o alcalde de Cedeira mostrouse ilusionado por unirse ao festival, que vai coincidir co comezo das festas da vila. Pablo Moreda sinalou que queren sumar forzas para “poñer en valor o jazz e as músicas que se cruzan con el, nunha vila coma Cedeira, onde a cultura e sobre todo a música teñen sinais diferenciadores“. Tamén formulou o desexo de que a participación de Cedeira perdure no tempo e que “nuns anos o festival sexa unha referencia á que se sumen moitos máis Concellos“.
Pola súa parte, a alcaldesa de Narón lembrou que “a edición do ano pasado foi un éxito” e que a vontade do Concello é continuar facendo parte do festival. Ferreiro animou á xente a que “asistan aos concertos en calquera das vilas e que gocen desta semana de agosto“.
Vémonos na Costa Ártabra do 11 ao 14 de agosto!