Luneda Producións | 646 165 044
 info@luneda.gal | luneda.gal

Ruxe Ruxe é sen dúbida a banda referente do rock galego. Con 23 anos de traxectoria, 11 LPs no mercado e máis de duascentas cancións orixináis publicadas, están no seu mellor momento. Con enerxías renovadas, están a piques de sacar o seu novo disco, que se gravará este outono nos Estudios Gárate de Andoáin (Gipuzkoa).


Ruxe Ruxe é por méritos propios unha das bandas galegas máis lendarias, movéndose á marxe dos grandes poderes da cultura, das modas e do políticamente correcto. Co espírito de loita porbandeira, do rock do país, do rock libre e de combate, do realismo máxico e do corpo a corpo sinceiro, directo e emocional, a esencia do adn dos Ruxe Ruxe queda patente en cada disco editado e en cada concerto que deron dende os seus inicios no ano 96.


“Ser de aquí e dun tempo” que diría Celso Emilio Ferreiro. “Rapaces da aldea máis non uns ninguéns” que diría Xosé Neira Vilas.

 

Ruxe Ruxe foi, é e será unha banda de culto. As súas cancións son banda sonora en películas, anuncios de TV e programas deportivos, e xa forman parte da memoria colectiva dunha parroquia de galegos e galegas que sempre lles agasalla o seu cariño, admiración e respecto.


Tocaron en incontábeis festivais do país e fixeron xiras que os levaron ininterrumpidamente polos mellores escenarios, tamén alén das nosas fronteiras e sempre con moi boa acollida tanto polo público como pola critica. Colaboraron con bandas como Boikot ou Siniestro Total e teñen compartido palco con Molotov, Gwendal, Wolfstone, Status Quo, Reincidentes ou Def con Dos, entre outros. 

 

Neste curso RUXE RUXE continúan cheos de compromiso e desbordantes de actitude e honestidade, publicando singles e vídeos, con novo disco de estudio no forno, e xirando polos mellores escenarios, converténdose nunha das bandas históricas galegas con maior percorrido.

  • Facebook Ruxe
  • Spotify Ruxe
  • YouTube Ruxe
  • Twitter Ruxe
  • Instagram Ruxe