ATAQUE ESCAMPE escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído.Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre.
Arrástranse desde 2007 polos escenarios, electrificándose de a pouco conforme pasan os anos, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco. Do pop ao soul con paradas no krautrock, na cumbia, no dub, no rap, no calipso e onde vostedes queiran se non lles preocupan demasiado a pureza e esas cousas. Perdedores, perdedoras: deixen as miserias na casa e veñan bailar a súa música sen complexos ao campo da festa de Alfa Centauro.