MaríaSOA (voz, percursión e piano) e Sara Faro (voz e percusión) forman o dúo Fillas de Cassandra, un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. Transcorrido pouco máis dun ano desde a súa formación, presentaron en febreiro de 2023 "Acrópole", o seu primeiro traballo, que describen como un canto a todas as que foron feitas de olvido e un convite colectivo para reescribirmos a historia. Sempre desde unha ollada feminista e actual, os oito temas que presentan transitan da emotividade ao desenfado vibrante, sen esquecer o activismo.
A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, influenciadas polo pop, a electrónica e ata a música clásica. O espectáculo que propoñen con este disco bebe do teatro, convidando ao público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescatan da mitoloxía clásica e cos que pretenden estabelecer un diálogo, recoñecendo as súas vivencias presentes como mulleres nas das súas devanceiras.
O piano e as diferentes percusións son apoiadas por bases electrónicas que, a pesar da súa potente sonoridade, non eclipsan nin as súas letras nin as súas voces, sempre nun primeiro plano.
Sara Faro (Vigo, 2001), iníciase na música aos tres anos, no grupo de pandereteiras do seu barrio, onde non só aprende a cantar, senón que supón a súa toma de contacto co folclore galego.
Desde ben pequena, a poesía, o teatro e o canto conforman as súas grandes paixóns, e atopa na composición musical o medio idóneo para se expresar, aprendendo de forma autodidacta a tocar a guitarra e recibindo, na adolescencia, clases de produción musical, onde experimenta cos seus propios temas, encamiñando a súa sensibilidade e o seu activismo.
Na actualidade, compaxina a súa carreira musical cos estudos de dirección escénica e dramaturxia, dúas áreas que se retroalimentan mutuamente favorecendo o desenvolvemento dunha visión poética, sonora, estética e escénica propia.
María Pérez (Vigo, 1996), artisticamente MaríaSOA, segue o camiño da música iniciado pola súa nai, pianista de profesión. Comeza as clases de piano aos cinco anos e desde entón compaxina os estudos musicais coa danza e a ximnasia acrobática a nivel profesional. Despois de completar o grao profesional de piano, realiza un máster en Interpretación Solista en Madrid, e volve a Galicia para continuar co seu proxecto persoal, MariaSOA, mentres se forma na interpretación de outros instrumentos, como a gaita e a batería. No 2021 comeza co proxecto “Fillas de Cassandra” e dirixe unha das escolas máis lonxevas de música en Vigo ata o día de hoxe.