sús é o proxecto a solo da artista portuguesa Susana Nunes, unha proposta desenvolvida entre Copenhague e Lisboa que se move entre diferentes formatos de expresión artística, sempre co son e a exploración da voz como vehículo principal.
Cunha narrativa intimista e unha sonoridade que habita os suburbios do pop, - nun distrito sen nome, rodeado de folclore, electrónica e experimentación -, sús fálanos sobre ciclos e transicións, enlazando as palabras nunha especie de realismo máxico, escribindo cancións sen receita, coa reminiscencia dun libro de cociña que atravesa xeracións.
Despois dos seus traballos con HAEMA ou Néboa e colaboracións con Baiuca ou as brasileiras Àiyé, sús prepara o lanzamento de “Entre”, o seu primeiro disco a solo, que verá a luz a principios de 2024 da man de Raso Estudio. “Primavera Deserta”, o single adianto deste debut, aborda unha primavera nórdica e xeada a través da que a artista reflexiona sobre como o feito de comprender a beleza das diferentes realidades dos dous lugares que habita, fíxoa ter unha nova perspectiva sobre a linguaxe a comunicación. O videoclip deste single é unha colaboración coa dinamarquesa Julie Montauk.