RUXE RUXE | 25 ANIVERSARIO | 1996 – 2021


A banda referente do punk rock en galego celebra 25 anos de carreira ininterrompida, 25 anos de creación que deron como resultado máis de 200 cancións orixinais repartidas en 12 LPs e varios EPs.


O seu último longa duración, “O estraño falar dun monstro da aldea”, presentado en Febreiro de 2020, foi gravado nos estudios Gárate de Andoáin – Gipuzkoa da man de Kaki Arkarazo (Kortatu, Negu Gorriak). Unha produción na que esta banda icónica dá un salto máis na súa carreira, sempre en continua evolución.


Durante os meses de parón do 2020 medraron novas ideas de cancións que xa se están a gravar, polo que en pouco tempo a extensa discografía dos Ruxe terá unha referencia máis.


Para celebrar este 25 aniversario, a banda prepara unha xira na que non só presentará os temas novos, se non que fará un percorrido por todos eses que xa son himnos para varias xeracións de seareiros e seareiras galegas destes grandes embaixadores do rock do país.