María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) forman Caldo, un trío afincado no Valmiñor que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Presentan unha proposta na que integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.
Para o seu primeiro disco, gravado en directo, tomaron como fío condutor o repertorio da aldea de Moscoso (Pazos de Borbén, Pontevedra), facendo una revisión do material recollido por Xisco Feijóo ás informantes Rosa e Aída Garrido.
Caldo preparan agora o seu novo traballo discográfico, no que afianzan a súa sonoridade
engadindo novas texturas e atmósferas, sen abandonar o son orgánico dos instrumentos que empregan. O álbum, que sairá neste 2022, estará formado por melodías instrumentais de composición propia e por pezas con voz aprendidas do repertorio da tradición oral galega. Nesta nova etapa, escriben e reinterpretan as letras, escolléndoas coidadosamente para adaptalas ás novas realidades.
Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música 2020.
Gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ 2020 (Deputación da Coruña).